A FUNDACIÓN CAMILO JOSÉ CELA NO ANO OTERIANO

Conferencia de Xosé Antonio López Silva.

Onte, xoves, 19 de novembro, no marco do "Ano Oteriano", a Fundación Camilo José Cela proxectou o documental "Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe", dirixido por Mª José Bravo Bosch, catedrática da Universidade de Vigo, e cortesía da Fundación Otero Pedrayo.

A continuación, o padroeiro da Fundación de Trasalba, Xosé Antonio López Silva, tras pronunciar unhas agarimosas palabras en lembranza do recentemente falecido Xosé Luis Méndez Ferrín, emocionou aos asistentes co seu relatorio "Otero Pedrayo e Camilo José Cela, historia dunha relación".

Na súa intervención, López Silva narrou o percorrido da tradución ao galego da novela celiana La familia de Pascual Duarte, dende o inicio do proxecto en 1952 ata a consecución do mesmo en 1962,coa saída ao prelo da obra traducida por Vicente Risco e prologada por Otero Pedrayo. Unha emocionante historia na que quedou de manifesto a admiración e o cariño mutuo que se profesaban Camilo José Cela e don Ramón, así como a galeguidade do autor de La colmena, con Galicia no corazón e na mente.